Novo espazo de atención presencial ás familias

11.11.2024

Prezadas familias:

Dende a ANPA, queremos comunicarvos con moita ilusión a posta en marcha dun novo espazo de atención presencial para todas as familias. Con esta iniciativa, pretendemos achegarnos un pouco máis a vós, co desexo de escoitar as vosas inquietudes, recibir as vosas suxestións e apoiarvos en todo o que estea na nosa man para mellorar a experiencia educativa das nosas fillas e fillos. Este novo canal complétase cos medios que xa están á vosa disposición: a nosa páxina web, o correo electrónico, a canle de difusión de WhatsApp e as redes sociais.

Queremos, ademais, facer unha especial mención e agradecemento ás familias que xa colaborades coa ANPA, organizando e traballando nas diferentes comisións. Grazas a vós, a ANPA pode seguir crecendo e contribuíndo ao benestar de toda a comunidade educativa. Este novo espazo de atención é tamén para vós, un lugar onde podedes aportar a vosa experiencia e coñecemento, para seguir facendo deste proxecto algo compartido e enriquecedor.

As datas e horarios de atención presencial para as próximas semanas, ata final de ano, son os seguintes:

  • Mércores 20 de novembro, de 17:00 a 18:00 h.
  • Xoves 28 de novembro, de 16:00 a 17:00 h.
  • Mércores 4 de decembro, de 17:00 a 18:00 h.
  • Martes 10 de decembro, de 16:00 a 17:00 h.

O lugar de atención presencial será o comedor do centro. Non é necesario pedir cita previa para asistir nestes horarios, e lembrámosvos que tamén seguimos dispoñibles para atender as familias noutros momentos, neste caso si con cita previa. 

Estades todos e todas convidadas a aproveitar este novo espazo, un lugar de encontro e diálogo, onde coidaremos e fortaleceremos a nosa comunidade. Entre todas as achegas, continuaremos construíndo, paseniño, un entorno educativo máis cercano e participativo para os nosos fillos e fillas.

Unha aperta da vosa ANPA.