Período extraordinario inscrición formación en mediación

11.10.2023

Prezadas familias,

O pasado martes 3 de outubro tivo lugar a primeira xornada da formación en mediación dirixida a familias que poñemos en marcha ao longo deste curso. Esta primeira xornada foi dun gran valor xa que sirveu para identificar aqueles puntos mellorables na convivencia no noso centro e na que artellamos grandes ideas do que sería para as familias o noso colexio ideal. 

Ante a boa acollida das familias, de forma consensuada con CIMEGA e o equipo directivo do centro e porque nos parece moi importante que podan sumarse a asistir á formación o maior número posible de familias, queremos abrir un novo período de inscrición para comezar, de forma excepcional, da segunda xornada en diante. Aquelas familias que non puidestes asistir á primeira xornada pero podedes asistir ás xornadas restantes, tedes que enviarnos un mail coa seguinte información:

  • Asunto: Formación Mediación.
  • Número de membros da familia que participarán na formación. Lembrade que esta formación está orientada no ámbito dos pais, nais, titores e titoras. Os nenos e nenas traballarán este aspecto no marco do plan de convivencia do centro, no seu horario lectivo, non nesta formación, polo que non os incluades entre os participantes.
  • Nome, apelidos, DNI e email de todos e todas as persoas participantes.
  • Apelidos da familia, para que poidamos cotexar se estades asociados á ANPA no curso actual. Revisade que teñades renovada a condición de familia socia para o curso actual (cota aboada, xustificante enviado e formulario de datos cuberto).
  • Curso ou cursos nos que están actualmente os vosos fillos ou fillas.
  • Indicar se precisades facer uso do servizo de canguro durante o tempo que dure a formación, indicando cantos nenos ou nenas quedarían a cargo dos educadores e educadoras.
  • Xustificante do abono por transferencia ou ingreso do importe de 15 € por familia na conta bancaria da ANPA (IBAN: ES24 2080 0068 71 3040003024), indicando no concepto MEDIACION e os apelidos da familia. Lembrade que, no caso de non estar asociados, o importe é de 30 € por familia. A data límite para facer o ingreso é o 31 de outubro.

Co envío do mail formalizaríase a vosa inscrición na formación e autorizades á ANPA a ceder os vosos datos persoais a CIMEGA, coa finalidade exclusiva do ámbito desta formación.

Atenderemos as novas inscricións por orde de chegada ata completar o máximo de prazas e non se permitirán novas inscricións máis alá do 31 de outubro. Tan só lembramos que esta é unha formación reglada de alto valor, cun custo importante que asume a ANPA e cunha pequena cota para as familias, polo que vos pedimos o máximo compromiso de continuidade e asistencia. Lembramos que terá lugar cada primeiro martes de mes, ata maio incluido. Toda a información de datas e horarios na seguinte ligazón:

Na seguinte galería podedes ver algunhas fotos da primeira xornada:


Agradecemos, coma sempre, a vosa participación e implicación. Lembrarvos que na seguinte ligazón dispoñedes de toda a información para asociarvos, se ainda non o fixestes, e poder participar nas diferentes actividades.

Moitas grazas.