Información importante sobre actividades e conciliación curso 2023-2024

07.07.2023

Prezadas familias:

Tal e como vos adiantamos, queremos facilitarvos o comezo de curso 2023-2024 do próximo 11 de setembro e por iso traemos nesta nova toda a información relativa á:

  • Alta/renovación de familias socias.
  • Solicitude de libros de texto do banco de préstamo da ANPA.
  • Alta/renovación do servizo de comedor e madrugadores.
  • Cadro de Actividades Extraescolares 2023-2024.
  • Formación en mediación para as familias que será impartida polo Círculo de Mediación de Galicia (CIMEGA).
  • Outras actividades de conciliación: Agarda con NósCóxegas.
  • Outras actividades formativas e lúdicas: Durmida no Cole e Festas.

Alta/renovación de familias socias da ANPA para o curso 2023-2024

A condición de familia socia da ANPA renóvase de forma anual mediante o abono da cota de 25€ por familia e cubrindo o formulario que estará habilitado a partir do 15 de xullo. Tedes toda a información na seguinte sección:


Solicitude de libros de texto ao banco de préstamo da ANPA

Cumplindo o acordo tomado na última asemblea ordinaria, a ANPA mercará e cederá en préstamo todos os libros de texto para os nenos e nenas de 3º a 6º de Educación Primaria que non obtiveran o fondo de libros da Xunta, que non o solicitaran ou que non lles cubran todas as materias. Con esta iniciativa e este sistema de préstamo que se articula en coordinación co colexio, as familias quedan liberadas da merca de libros de texto. 

Tan só vos pedimos que, para facer un bo aproveitamento dos recursos da ANPA e unha correcta provisión do material, fagades a solicitude dos libros no formulario habilitado dende hoxe e antes do 31 de xullo, na seguinte ligazón:

IMPORTANTE: Para asegurar que os libros se reciben a tempo para o comezo de curso, tedes de prazo para solicitalos ata o 31 de xullo.


Alta/renovación do servizo de comedor e madrugadores

Un ano máis, ARUME será a empresa encargada do servizo de comedor e madrugadores. A partir do 15 de xullo, podedes solicitar a alta ou renovación do servizo para o curso 2023-2024. Tedes toda a información actualizada na seguinte sección da web:

Tamén vos podemos anunciar que o venres 8 de setembro, de 17:00 a 18:00 horas, terá lugar unha xornada de portas abertas dirixida ás novas familias que comezan a súa andaina no noso centro ou novas familias usuarias. Poden achegarse a explorar este espazo en familia, acompañadas dos seus nenos e nenas, para que podan coñecer aos educadores e educadoras coas que van a compartir un tempo tan importante da xornada extraescolar.


Actividades Extraescolares para o curso 2023-2024

Dando resposta a algo moi demandado polas familias e para favorecer a conciliación e a planificación do vindeiro curso, este ano adiantamos a publicación do cadro de Actividades Extraescolares para o curso 2023-2024. Podedes consultalo na seguinte sección da web:

Ademais, xa vos podemos anunciar dúas datas importantes:

  • Luns 11 de setembro de 16:30 a 18:00 horas, na biblioteca do centro, terá lugar  unha xuntanza aberta a todas as familias para explicar o proxecto deseñado en torno ás actividades extraescolares para este curso, á que acudirán os técnicos da Federación de ANPAs, de Sonicreques e de PlayCode (provedor da actividade de Robótica). Para que poidades acudir e conciliar, contaremos cun servizo de educadores e animadoras que estarán dinamizando e acompañando aos nenos e nenas.
  • Do 11 ao 17 de setembro estará aberto o prazo para a inscrición en todas as actividades que se van ofertar, a través das canles habituais que se anunciarán ao comezo do curso.


Formación en mediación dirixida ás familias

No marco da plan de convivencia posto en marcha no noso centro, para o curso 2023-2024 organizouse unha formación en mediación dirixida ás familias. Esta é unha formación continua que iniciamos as familias en paralelo á levada a cabo polo claustro e polas nenas e nenos, dentro das actuacións que se iniciaron o curso pasado en relación á mellora da convivencia. Ten un carácter de continuidade ao longo dos meses de outubro a maio. Impartirase os primeiros martes de cada mes, de 17:00 a 20:00 horas (dando comezo o 3 de outubro). Nese horario haberá educadores e educadoras para as nenas e nenos das familias que se inscriban. 

O prazo de inscrición será do 11 ao 26 de setembro, para o que habilitaremos un formulario a través da nosa páxina web. Estade atentas á súa publicación, xa que é importante destacar que as prazas serán limitadas. A formación poderá acreditarse oficialmente.

O custo da actividade, que consta de 24 horas distribuidas nun total de 8 sesións, será de 15 € para as familias socias e de 30 € para as familias non socias

A formación será explicada tamén en detalle na xuntanza de Actividades Extraescolares do día 11 de setembro, na que contaremos coa presenza dos técnicos responsables da súa elaboración. Na seguinte ligazón tedes o díptico informativo de CIMEGA.


Outras actividades de conciliación: Agarda con Nós e Cóxegas

Queremos informarvos ademais da continuidade para o vindeiro curso de dous servizos de conciliación moi demandados, como son a actividade da Federación de ANPAs Cóxegas, que da resposta á conciliación de tarde nos meses de xuño e setembro; e o espazo denominado Agarda con Nós, destinado a aquelas familias que precisan recoller aos seus nenos e nenas un pouco máis tarde pero non queren facer uso do servizo de comedor.

Tedes toda a información actualizada nas seguintes ligazóns:


Outras actividades formativas e lúdicas: Durmida no Cole e Festas

E xa para rematar esta nova extensa, pero que agardarmos vos sexa de utilidade, queremos facer un pequeno chisco a aqueles nenos e nenas que non puideron gozar da Durmida no Cole con esa Noite Pirata que ao final non puido celebrarse por non acadar o mínimo de inscricións. Anunciámosvos que temos a intención de recuperala e que esta vez sí saia adiante, unha vez consigamos rebaixar o custo en base a subvencións. Informaremos destas accións ao comezo de curso.

E, como non, seguiremos celebrando as festas na mesma liña que este curso pasado, organizando a actividade co maior número de recursos públicos posibles e facendo un esforzo por mellorar a xestión.


Desexarvos que esteades gozando do verán e non deixedes de consultar as nosas publicacións.

Moitas grazas pola vosa atención.