Setembro: xa estás aquí!

03.09.2024

Prezadas familias:

Case sen darnos conta, que axiña chegou setembro! Agardamos que todas poiderades desfrutar das vacacións de verán. Falta xa pouquiño para iniciar un novo curso, que afrontaremos con ilusión e entusiasmo. Tal e como vos adiantamos, para facilitarvos o comezo do curso 2024-2025 do próximo 11 de setembro traemos nesta nova toda a información destacada e a nova información sobre actividades extraescolares, nas que xa podedes inscribirvos:

Cóxegas:

Hoxe, martes 3 de setembro, remata o prazo de inscrición para esta actividade que terá lugar do 11 ao 30 de setembro. Podedes atopar toda a información na seguinte sección da nosa web:


Alta/renovación de familias socias:

A condición de familia socia da ANPA renóvase de forma anual mediante o abono da cota de 25€ por familia e cubrindo o formulario que está habilitado. O prazo está aberto e tedes toda a información na seguinte sección:


Libros de texto de 3º a 6º de Primaria:

Para todas aquelas familias que non puideron consultar a lista de libros concedidos no FondoLibros da Xunta, reabrimos o formulario de solicitude ata ao 6 de setembro. Só se non solicitastes os libros ao banco de préstamo da ANPA durante o mes de xullo, tedes agora outra oportunidade de facelo, antes do venres, unha vez consultedes no centro os libros concedidos ou non no FondoLibros.

Toda a información na seguinte sección:


Actividades Extraescolares:

Xa está definida a proposta de actividades extraescolares para este curso 2024-2025. Todas estas actividades terán periodo de realización do 1 de outubro ao 20 de xuño. Seguindo a liña do noso centro, apostamos por unha oferta de actividade pública, de calidade e que garanta a participación de todas as nenas e nenos. Tamén voltamos ofertar Sonicreques e Robótica, coas empresas xa coñecidas dos últimos anos. Para a elaboración desta proposta tivemos en conta as enquisas de avaliación do curso pasado e de novas propostas que nos achegastes as familias. Moitas grazas pola axunda e por facernos chegar as vosas preferencias.

Podedes consultar toda a información relativa ás actividades extraescolares e o cadro proposto na seguinte sección:

O 16 de setembro ás 16:00, na biblioteca do centro, terá lugar unha xuntanza, aberta a todas as familias, para explicar o proxecto deseñado en torno ás actividades extraescolares para este curso e explicar e aclarar todas as vosas dúbidas. Para que poidades acudir e conciliar, contaremos cun servizo de canguraxe con educadores que estarán acompañando aos nenos e nenas.

Alta/renovación dos servizos de comedor e madrugadores:

ARUME segue sendo a empresa encargada do servizo de comedor e madrugadores. Para facer uso dos servizos tedes que solicitar a alta ou renovación dos mesmos a través da app Colechef. Toda a información na sección actualizada da web para o presente curso:


Agarda con Nós:

Do mesmo xeito, seguiremos contando co espazo de conciliación Agarda con Nós. Podedes solicitalo do xeito habitual. Toda a informacion na sección:


Grupos de traballo:

Tal e como vos adiantamos no remate de curso, proximamente informaremos das primeiras accións que se levarán a cabo para botar a andar os grupos de traballo e colaboración das familias. Moitas grazas por seguirnos facendo chegar o voso interese.


Xa estamos de volta. Arrancamos un novo curso!

Moitas grazas pola vosa atención e colaboración.