Información visita Xefe Territorial Educación

17.10.2020

Benqueridas familias, dende a ANPA, queremos informar o seguinte:

Como resultado da reunión mantida hai uns días co Xefe Territorial de Educación e do compromiso de visita ao noso centro, o xoves 15 de outubro conseguimos (despois de insistir a diario) que D. Indalecio Cabana e o técnico Adolfo Villaverde, se presentaran no noso colexio, iso si, sen previo aviso e eludindo a presencia de representantes da ANPA.

Ese día, tratouse in-situ coa dirección do colexio a problemática do patio cuberto, chegando unicamente a un acordo coa dirección para facer unhas ventás no pabillón para mellorar a aireación.

Neste sentido, queremos deixar claro que esta actuación tamén se tratou presencialmente o día da reunión, descartándoa nese momento pola nosa parte e por parte da direción, xa que non nos parece a solución ao noso problema. É certo que supón unha mellora para a impartición das clases de ximnasia e psicomotricidade (que aplaudimos), pero non resolve nin de lonxe o problema dos recreos nos días de choiva, nin o ampliamento de espazos secos ao aire libre para ningunha outra actividade. Por este motivo, seguimos insistindo en que se coloque unha carpa no patio con todas as garantías de seguridade (garantes que respaldan os técnicos e profesonais que se adican á súa instalacion).

Pero dada a posición e reacción da Xefatura Territorial (que se opón á súa montaxe) estamos solicitando a súa instalación directamente a unha autoridade superior, neste caso ao equipo do delegado da Xunta na Coruña, representado por D. Gonzalo Trenor. Sobre estas novas xestión manterémosvos puntualmente informados, xa que non deixaremos de loitar por algo tan necesario na nosa escola como un espazo cuberto e ventilado (e máis neste momento de pandemia que estamos a vivir).

Por último, queremos informarvos que esta ANPA leva días traballando, logo da solicitude recibida dunha familia por correo electrónico, coa intención de obter asesoramento técnico e financieiro en relación á posible instalación de purificadores con filtro HEPA-H14 nas nosas aulas, uns dispositivos que garantan unha filtración de aire máis eficaz en canto a partículas e virus, especialmente do Sars-CoV-2 que orixina a COVID-19. Unha vez recollida toda esta información, trasladarase e discutirase coa dirección do centro para que poida levar a cabo os trámites de solicitude oportunos á Xefatura Territorial, xa que sen esta autorización sería imposible abordar esta implantación no centro educativo.

Tamén vos manteremos informados puntualmente sobre o progreso deste tema.

Moitas grazas.