Inicio do curso 2020/2021

02.09.2020

Benqueridas familias:

Todos os membros da directiva da ANPA RASA esperamos e desexamos que vos atopedes ben de saúde, e que dentro desta "nova normalidade", pasásedes unhas boas vacacions. Xa estamos en setembro, e despois deste verán atípico e complicado, sabemos que a incerteza é grande para tódalas familias nesta estraña volta ao cole.

Poñémonos en contacto convosco para trasladarvos e adiantarvos de forma resumida, o resultado do traballo que vimos realizando durante este verán en relación á programación da ANPA para o comezo do curso, sempre con todas as reservas derivadas da evolución da pandemia. Desexábamos telo feito con máis antelación, pero como seguro xa saberedes, o pasado xoves 27 de agosto, celebrouse unha reunión interministerial coas Comunidades Autónomas, onde se presentou públicamente un documento de acordo entre todas as partes, no cal se marcan as liñas mestras do protocolo COVID-19 para o comezo do curso escolar 2020-2021. Podedes consultalo na seguinte ligazón:

O mesmo xoves pola tarde, a Directiva da ANPA reunímonos coa Dirección do colexio para trasladarlle as nosas intencións e os nosos plans de conciliación elaborados ao longo do verán, en colaboración estreita cos distintos provedores. Neste sentido, queremos manifestar o noso enorme agradecemento ante a boa acollida e a boa predisposición da Dirección coas propostas presentadas, mostrando en todo momento preocupación e interese para que se poida levar a cabo, e para poder organizar o que as familias necesitan.

Pasamos a describirvos as actividades e servizos que se están organizando desde a ANPA, non sen antes facer fincapé en que poden sufrir modificacións/cambios/cancelacións segundo a evolución da pandemia nos próximos días. Hai que ter en conta tamén, que a Xunta de Galicia
comunicou que segue traballando en retoques no seu protocolo de volta aos colexios, e que o plan definitivo detallarase a partir do día 7 de setembro, e será a partir desa data cando se emita o documento definitivo do COVID-19.

  • MADRUGADORES: Ofertarase o servizo de madrugadores, en principio co horario habitual de anos anteriores, pero sen almorzo. A data de hoxe, e se non aparecen modificacións obrigadas por novos protocolos, todos os nenos e nenas rexistradas poderían acceder a este servizo.
  • COMEDOR: Como no caso do servizo de madrugadores, salvo modificacións de protocolos nos próximos días, todos os nenos rexistrados poderían acceder a este servizo.
  • CÓXEGAS: Como en anos anteriores, ofertarase o programa de CÓXEGAS a través da Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña, que cubrirá a conciliación desde o 10 ata o 30 de setembro, de luns a venres, e en horario de 16:00 a 18:00 horas. Nos próximos días abrirase inscrición a través dunha ligazón na páxina web da ANPA.
  • CONCILIACIÓN: Ofertarase, tamén como en anos anteriores, o espazo de conciliación de 14:00 a 15:00 h para aquelas familias que non poidan chegar a recoller ás súas fillas e fillos ás 14:00 h, pero que non queiran inscribirse no comedor. O prezo está por decidir, xa que se verá afectado en función do número de nenos anotados, e do cumprimento do protocolo COVID-19, polo que é posible que sexa necesario contratar outro monitor co fin de separar os grupos segundo idades. A partir do 1 de setembro ábrese o prazo de inscrición (ver instruccións). Infórmase de que, no caso de que haxa limitación de prazas, darase prioridade aos alumnos que necesiten todos os días de semana respecto doutros que necesiten menos días.
  • ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES: Estamos a traballar coa Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña, para ofertar a partir do 1 de outubro unha única actividade extraescolar que cubra e garanta as necesidades de conciliación de todas as familias que o soliciten, para todas as idades, e en horario de luns a venres de 16:00 a 18:00 horas. Esta negociación vén derivada da decisión da Federación de eliminar do seu programa a actividade de Luditarde, circunstancia que motivou un escrito desta Directiva mostrando o noso desacordo e a pouca conveniencia dunha reestructuración deste tipo nun ano de pandemia. No que se está traballando actualmente entre ambas partes, é na organización dunha actividade similar a Luditarde, pero na que se organicen "grupos de convivencia" por idades, de tal maneira que un único monitor poida impartir diferentes actividades aos mesmos nenos durante toda a semana, evitando así cruces e mesturas entre grupos distintos. Este ano, de maneira excepcional, non se ofertarán ningunha das restantes actividades habituais no centro (nin públicas, nin privadas), coa intención de evitar masificación dos espazos e os cruces de monitores e nenos. Cabe indicar que a empresa encargada dos servizos de Madrugadores e Comedor (ARUME) elaborou un protocolo no que se detallan as estritas medidas de seguridade e hixiene que rexerán nestes servizos, en cumprimento da normativa vixente. Así mesmo, esta ANPA, en colaboración coa Dirección do colexio, está tamén redactando o seu propio protocolo COVID-19, que será de aplicación nos servizos das actividades que se ofertan. A medida que devanditos protocolos se vaian pechando, e cando teñamos información máis concreta relacionada con horarios e accesos de entrada e saída, iranse colgando na páxina web para que poidades consultalos.

Como comentamos anteriormente, a partir da publicación do protocolo definitivo da Xunta de Galicia o próximo día 7 de setembro, será cando poderemos concretarvos máis información. Estamos convencidos de que saberedes entender todas as dificultades de elaboración destes plans e da súa posta en marcha, pero queremos transmitirvos que para esta Directiva o máis importante é a seguridade e a saúde dos nosos nenos e nenas, ao mesmo tempo que somos conscientes da necesidade da conciliación para as familias neste curso tan atípico.

Para finalizar, comentarvos que, en canto á inscrición de socios da ANPA, renovaranse automáticamente a todos os socios do ano pasado (aínda que será necesario cubrir a folla de inscrición para a renovación de datos) e soamente terán que abonar a cota (25€) as altas de novos socios, e as familias que accedan a algún dos servizos ofertados. Por tanto, aquelas familias que o curso pasado foron socios, pero este ano atípico non están inscritos en ningún servizo ofertado polo ANPA, seguirán sendo socios de pleno dereito, sen abonar cota algunha. Nos próximos días poñerémonos en contacto convosco e seguirémosvos informando con datos mais concretos.

Grazas a todos.

Un saúdo.