Rematamos o primeiro trimestre en Predeporte
Durante este primeiro trimestre de Predeporte de 1º a 3º de Primaria traballamos as principais habilidades motrices no mundo do deporte (velocidade, resistencia, coordinación, control da forza,…). Desenvolvemos xogos que buscan mellorar o traballo en equipo, orientando aos alumnos ás dinámicas de xogo dos deportes colectivos, buscando aumentar a confianza ao competir co resto de compañeiros e a soportar tanto a derrota como a vitoria.
Ao comezo deste trimestre comezamos con xogos sinxelos a nivel de material e normas, deixando que se acheguen dunha forma máis libre ao deporte e axundándolles a introducilo na súa rutina sen a pesadez de memorizar conceptos. Empezamos así con xogos clásicos como o pilla-pilla, a cadea ou o pano e as súas variacións. Continuamos introducindo material deportivo nos xogos, desta forma axudamos ao seu uso tanto na actividade para a que están deseñados, como noutros ámbitos, empezamos coa introdución de balóns con xogos como o brilé, no que traballamos o lanzamento e a recepción coas mans, ou o fútbol, no que traballamos a coordinación dos pés e a forza do tren inferior. Cara ao final do trimestre comezamos introducindo deportes pouco habituais adaptándoos aos nenos, xogamos ao hóckey, no que puideron utilizar os sticks e aprender a utilizar un material no canto do corpo directamente para mover a pelota, á súa vez introducimos tamén o fútbol americano, cunha adaptación na que se busca simplificar as normas e que o alumnado comece a ter unha visión de xogo sobre o campo, así como darlles a liberdade de tentar formar estratexias para gañar.