Vota pola reforma do patio cuberto. Por un espazo digno para os nenos e nenas!
Prezadas familias,
Dende hoxe e ata o 2 de novembro temos un novo reto: acadar que a proposta presentada e seleccionada para a fase final dos Orzamentos Participativos, de reforma e acondicionamento do patio cuberto do noso centro, acade o maior número de votos nesta fase definitiva da votación.
Unha vez máis, a administración deixa nas mans das familias e da comunidade educativa que algo tan básico como dispoñer dun espazo decente para a práctica deportiva e multiúsos a cuberto, teña que ser disputado mediante este procedemento. Non o compartimos, pois pensamos que o mantemento das infraestruturas onde pasan grande parte do tempo as nosas fillas e fillos debe ser asumido pola administración que ten a competencia en materia educativa, e así o seguiremos insistindo en todas as instancias necesarias. Agora ben, se algo caracteriza á nosa comunidade educativa é a nosa capacidade de mobilización para coidar e mellorar o noso centro, aproveitando as oportunidades que se presentan.
E por iso, porque estamos ante outra oportunidade histórica para o presente e o futuro do noso cole, sabemos que podemos logralo, unha vez máis, coa máxima implicación de todas as familias e de toda a comunidade educativa. Temos o convencemento de que vai ser así.
- Que nos xogamos?
A reforma e acondicionamento integral do patio cuberto depende de gañar esta votación. Temos que ser a proposta máis votada no ámbito de toda a cidade, que ademais nos vai permitir acceder a un maior orzamento para executalo. Calquera outro resultado deixaríanos sen esta inversión necesaria para ter un espazo cuberto decente e acondicionado para a práctica deportiva dos nenos e nenas, co equipamento axeitado, coa mellora da acústica, do chan, dos baños, da ventilación,... que permitiría facer un uso máis enriquecedor deste espazo tan pouco amigable actualmente e que sería un complemento perfecto para o noso patio verde, que xa moi pronto será unha realidade grazas ao éxito da vosa participación na pasada edición. Desta vez, non pode ser menos!
- Como podemos conseguilo?
Precisamos que votedes todos os membros de cada familia, que compartades, que solicitedes o voto a todos os vosos amigos e amigas, xente coñecida, veciños e veciñas, do voso barrio e tamén de calquera outro barrio da Coruña. Axudade a aqueles que non saiban, non deixedes que quede ninguén sen votar. Acompañade tamén aos vosos avós e avoas aos locais habilitados para o voto en urna. Só así o lograremos!
- Cando e como se vota?
A través da web https://bit.ly/votacionfinalpatiocuberto, ou de maneira física en urnas, a disposición da cidadanía en diferentes puntos da cidade. Chamádenos ao teléfono da ANPA ou enviádenos un email en caso de dúbidas, preguntade ás familias, ás mestras,... Coa colaboración de todos e todas podemos conseguilo. Nesta ocasión, temos pouco tempo: o prazo remata o 2 de novembro, só temos 9 días! Poden votar todos os maiores de 16 anos empadroados na cidade da Coruña.
- Como votar na web ?
Hai que acceder á web https://bit.ly/votacionfinalpatiocuberto, onde deberedes acceder co voso usuario da pasada edición ou ben rexistrarvos de novo. Tedes que localizar a proposta de reforma do noso ximnasio e premer en Voto. Tede en conta que podedes votar por outras propostas da cidade ata completar o orzamento dun millón de euros. Se así o facedes, revisade ben que a proposta do noso cole está correctamente seleccionada:
- Cales son os espazos de votación presencial?
En caso de non querer ou non poder votar desde a web, este ano habilitaron 12 puntos de votación presencial en urna nas seguintes localizacións e horarios:
Mércores 25 de outubro, no Centro Cívico Municipal Novo Mesoiro, en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
Xoves 26 de outubro, no Centro Socio-Cultural Ágora, en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas.
Xoves 26 de outubro, no Polideportivo San Diego, de 17:00 a 20:00 horas.
Venres 27 de outubro, no Fórum Metropolitano, en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas.
Venres 27 de outubro, na praza de María Pita, en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
Sábado 28 de outubro, na praza de Lugo, en horario de 11:00 a 14:00 horas.
Luns 30 de outubro, no Mercado de Elviña, en horario de 11:00 a 14:00 horas.
Luns 30 de outubro, no Centro Cívico Municipal Castrillón, en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
Luns 30 de outubro, no Centro Comercial Espacio Coruña, en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas.
Martes 31 de outubro, no acceso á Casa da Auga, en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas.
Mércores 2 de novembro, na praza das Conchiñas, en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas.
Mércores 2 de novembro, na praza Elíptica dos Rosais, en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
Para a votación física en urna, é preciso identificarse co DNI, sen necesidade de cita previa.
- E agora que?
Agora é o momento. Temos moi poucos días por diante, polo que precisamos a vosa colaboración activa, ante a falta de tempo para poñer en marcha tantas iniciativas como na campaña viral do patio verde da pasada edición. Cos nenos e as nenas no centro, para que o seu benestar mellore neste espazo degradado actualmente, para que podan aproveitalo mellor, porque eles e elas son os protagonistas desta transformación que xa iniciamos e que senten como propia, son protagonistas e merecen que o consigamos. Entre todos e todas, farémolo posible!